Monday 06 de May de 2024

O I Festimaxia de Lousame incluirá tres actuacións familiares e gratuítas para os tres primeiros sábados de decembro


Ademais das actuacións de Chrystyan Magic (3-12), Martín Camiña (10-12) e Fanny Triana (17-12), o Mago Richard ofrecerá un obradoiro para nenos o venres 23-12

A concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo, presentou esta maña a primeira edición do Festimaxia de Lousame, que incluirá tres actuacións de maxia e un obradoiro infantil de maxia durante as catro primeiras semanas de decembro. Un acto celebrado no centro de día de Lousame e no que estivo acompañada por dous dos catro magos que tomarán parte no festival: Chrystyan Magic e Martín Camiña.

Silvia Agrafojo explicou que “quixemos escoller o mes de decembro, un mes máxico de por si, para realizar esta actividade con tres actuacións dirixidas a un público familiar e un obradoiro de maxia para os nenos que agardamos que teña unha boa aceptación e que sexa a primeira de moitas máis edicións de Festimaxia”. Así mesmo, a concelleira fixo fincapé no feito de que “un concello pequeno como Lousame poida contar con actuacións de primeiro nivel”.

Un punto no que coincidiu Martín Camiña, que explicou que “catro semanas de maxia é unha aposta moi importante e escoitar que a intención é seguir en anos próximos iso si que é maxia”. Pola súa banda, Chrystyan Magic amosou o seu agradecemento ao Concello de Lousame “por contar coa maxia e apostar por estes proxectos que tan importantes son para crear cultura”.

Programa

Todas as actuacións do I Festimaxia Lousame terán lugar os tres primeiros sábados de decembro, ás 19:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Lousame. A entrada será libre e de balde ata completar aforo. Chrystyan Magic será o encargado de abrir o I Festimaxia Lousame este sábado 3 de decembro con “A maxia do Nadal”, un espectáculo “moi dinámico, con moito humor e con moita participación do público. Ademais, contaremos coa visita especial de Papá Noel para recibir aos nenos e nenas e que participen desa maxia tamén”, explica.

O sábado 10 de decembro será a quenda de Martín Camiña, co espectáculo “Feitizo”. “É un espectáculo con maxia, humor e moita participación do público, que terá que manexar obxectos extranos”. Pechará a quenda das actuacións Fanny Triana con “Fantasía”, o sábado 17 de decembro ás 19:30 horas. O I Festimaxia Lousame pecharase o venres 23 de decembro, ás 19:00 horas, co obradoiro “Divermaxia”, unha escola de maxia para nenos e nenas de Lousame.